Teoría Musical
A formación musical teórica: Iniciación Musical, Teoría da Música, Armonía e Analise Musical
Iniciación Musical - Descubrir a música.
A Iniciación Musical é o primeiro paso para que os nenos e nenas de entre catro e sete anos se acheguen ao apaixonante mundo da música dun xeito natural, divertido e adaptado á súa idade.
A través de cancións e da práctica con instrumentos de láminas e teclado, o alumnado desenvolve a súa sensibilidade musical, o sentido do ritmo e a capacidade auditiva, ao tempo que esperta a súa creatividade e o gusto pola música.
Nas clases trabállanse aspectos fundamentais como o canto, o ritmo, a educación do oído e os conceptos musicais básicos, sempre mediante unha metodoloxía dinámica e participativa. Ademais, foméntanse a psicomotricidade, a coordinación e a atención, habilidades que tamén contribúen ao desenvolvemento da lectura e da escritura na escola.
Outro dos grandes atractivos desta etapa é que os nenos e nenas poden coñecer de preto os diferentes instrumentos musicais da escola, velos en funcionamento e descubrir cal esperta máis o seu interese. Esta experiencia axúdalles a elixir con maior seguridade o instrumento co que desexen continuar a súa formación musical.
Na nosa escola, a Iniciación Musical é moito máis ca unha primeira toma de contacto coa música: é unha experiencia enriquecedora que esperta ilusión, fomenta a expresión persoal e senta as bases para unha futura aprendizaxe musical chea de motivación e entusiasmo.
Linguaxe Musical e Teoría da Música
A Linguaxe Musical é a clave para comprender, ler e vivir a música. A través do seu estudo aprenderás a interpretar partituras con seguridade, desenvolverás o oído musical e adquirirás os coñecementos necesarios para avanzar na túa formación como músico.
En ABD MÚSICA, apostamos por un ensino eminentemente práctico, no que todos os contidos se aplican directamente á interpretación do teu instrumento. As clases impártense en grupos reducidos, garantindo unha atención personalizada e un seguimento continuo da evolución de cada alumno.
Traballamos a entoación, o ritmo, a lectura musical e os conceptos teóricos dun xeito dinámico, participativo e adaptado ao nivel de cada estudante. O noso obxectivo é que a aprendizaxe resulte motivadora, útil e divertida, convertendo a teoría nunha ferramenta imprescindible para gozar e comprender mellor a música.
Armonía, Composición e Análise Musical.
A armonía estuda a construción e o encadeamento dos acordes, así como os principios que rexen as súas progresións, correspondendo á dimensión vertical da música. A composición céntrase nos procedementos e técnicas de creación musical mediante a aplicación dos elementos da linguaxe musical. Pola súa banda, a análise musical estuda a estrutura e a organización das obras musicais, identificando os recursos compositivos e as relacións entre os seus distintos elementos, co obxectivo de comprender o seu funcionamento e significado.
Estas tres disciplinas compleméntanse para favorecer o desenvolvemento das competencias analíticas, creativas e interpretativas do alumnado.